Estamos xa inmersos en pleno outono, e a Ría de Ribadeo comeza a encherse de aves. Moitas delas están aínda de paso cara ós seus lugares de invernada, pero outras tantas ficarán con nós durante todo o inverno, xa que a ría é o seu destino definitivo. É o caso das aguias pescadoras (Pandion haliaetus), que coma ben sabedes os seguidores deste blog, levan desde fai uns anos quedándose aquí durante a época non reprodutora. Primeiro foi a famosa “Panchita”, logo “Virgilia” e quen sabe se este ano teremos outra invernante máis. Sabemos xa que as dúas primeiras están aquí desde comezos do mes de setembro. E sabemos tamén que ademais destas dúas, pasaron varios exemplares máis polo noso estuario. Agora mesmo hai tres individuos na ría, polo menos. E en concreto falo do domingo 12 de outubro, cando observei ó mesmo tempo estes tres exemplares. Dúas pescadoras estaban nos pousadoiros instalados fronte ó observatorio de Reme, e a terceira nun instalado na Xunqueira.
Esta última cambiou logo de ubicación, para acomodarse no pousadoiro do niño artificial situado moi preto, e que recentemente foi instalado no lugar pola organización FAPAS. Esta vez si, fixérono tras solicita-lo correspondente permiso á Xunta de Galicia, xa que, aquí non hai dúbida, esa parte da ría pertence administrativamente a Galicia.
Pero non só de pescadoras vive a Ría de Ribadeo, nin moito menos. Por comezar polo menos habitual por aquí, observei tamén tres garzotas grandes (Egretta alba), primeiro unha soa na enseada da Lieira, e logo dúas xuntas fronte ó Puntal. Como foi en momentos distintos, non sei realmente se eran polo tanto dúas ou tres as que había na ría.
E seguindo coas garzas, non podían faltar as garzas reais (Ardea cinerea) e as garzotas (Egretta garzetta). Entre elas chamaban a atención os tamén habituais cullereiros (Platalea leucorodia), dos que puiden ver 10 exemplares.
![]() |
Garzotas, xunto ós mazaricos |
![]() |
Cullereiros e unha garzota |
En canto a limícolas, non vin demasiada variedade. O máis destacado un bando de 36 mazaricos reais (Numenius arquata), un par de pilros comúns (Calidris alpina), un mazarico rubio (Limosa lapponica) e dous biluricos bailóns (Actitis hypoleucos), todos eles na praia de Salías.
![]() |
Mazaricos |
![]() |
Pilro común |
Tamén alí había máis de 150 gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). En varias delas apreciábanse claramente uns tons rosados na súa plumaxe, especialmente na zona do peito. Sobre a orixe desta coloración das plumas xa falei aquí nalgunha ocasión, e parece estar causada pola dieta. Concretamente esta teoría o que di é que a cor rosada débese a un carotenoide presente en determinadas especies de cangrexos que comen. Este carotenoide deposítase posteriormente nas plumas das aves, dándolles esta cor rosada a determinados individuos. Así pois, a súa coloración máis ou menos rosada, depende da presenza destes cangrexos en maior ou menor medida na súa dieta.
![]() |
Na foto non se aprecia moi ben, pero en varios destes exemplares víase claramente a coloración rosada |
Seguindo coas gaivotas, ademais das choronas había tamén gaivotas escuras (Larus fuscus) e algunha patiamarela (Larus michaellis). E aínda que primeiramente me pasou desapercibida por asemellarse a súa plumaxe ó dunha chorona, había tamén entre elas unha cabecinegra (Larus melanocephalus), con plumaxe de primeiro inverno.
![]() |
Gaivotas escuras |
![]() |
Gaivota patiamarela |
![]() |
Gaivota cabecinegra |
Cambiando de rexistro, temos tamén xa a moitas das especies de anátidas habituais na Ría de Ribadeo durante o inverno. Así, están xa por aquí, ademais dos lavancos (Anas platyrhynchos), os rabilongos (Anas acuta), frisados (Anas strepera) e asubiadores (Anas penelope).
![]() |
Anátidas |
E para rematar esta entrada, citar tamén a observación de dous picapeixes (Alcedo athis), un miñato (Buteo buteo), un falcón peregrino (Falco peregrinus) que levaba unha presa nas garras -penso que un pilro-, numerosos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) e unha lavandeira branca (Motacilla alba) que captou a miña atención pousada no foraborda dun bote.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com